Oleiros, 24 de novembro de 2015-. O xoves, ás 19:00 horas nas Torres de Santa Cruz, terá lugar unha mesa redonda titulada “Convivir coa diabetes”. O obxectivo desta charla é informar, orientar e asesorar ás persoas que teñen diabetes e ás súas familias sobre a convivencia no día a día con esta enfermidade. Os aspectos que se abordarán na mesa redonda serán a alimentación, a medicación, o estilo de vida, o exercicio físico e, en definitiva, todas as cuestións que poden afectar na vida diaria dunha persoa con diabetes.
Inicialmente intervirán Teresa Martínez Ramonde, Xefa do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do CHUAC, e Dolores Rama Vázquez, Presidenta da Asociación Coruñesa de Diabetes (ACODI). Na parte final da mesa redonda, todas as persoas interesadas poderán dirixir as súas preguntas ás poñentes co fin de ter unha información directa e rigorosa sobre aquelas cuestións que lles preocupen relacionadas con esta enfermidade.
Esta mesa redonda enmárcase dentro dos actos organizados polo Concello de Oleiros con motivo do Día Mundial da Diabetes que foi o pasado 14 de novembro. Este ano, baixo o lema “Deteñamos a epidemia da diabetes”, procúrase previr a diabetes, unha enfermidade que afecta a case 400 millóns de persoas en todo o mundo, que lle costa a vida a cerca de 5 millóns delas e que de seguir os ritmos actuais pode medrar cerca dun 50% nos próximos catro anos.
Esta mesa redonda será unha ocasión especial para que todas aquelas persoas afectadas pola diabetes e os seus familiares poidan acercarse e coñecer tanto o traballo que desenvolven dende ACODI como aqueles aspectos máis sanitarios da enfermidade.