Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello organiza un obradoiro de autodefensa feminista

O Concello de Oleiros continúa desenvolvendo o programa «Coñecerse é vivirse», orientado a crear espazos de encontro, aprendizaxe e reflexión arredor do coñecemento do corpo, o benestar e a saúde das mulleres desde unha perspectiva integral. Nesta ocasión, o programa incorpora o Obradoiro de autodefensa feminista, unha proposta práctica e vivencial centrada no autocoñecemento corporal, na adquisición de recursos básicos de protección persoal e no fortalecemento da confianza, a seguridade e a capacidade de resposta ante situacións de vulnerabilidade.

A actividade parte dunha concepción da autodefensa feminista como unha ferramenta de coidado, prevención e apoderamento. Ao longo das sesións traballarase sobre a postura, o equilibrio, a garda, a distancia, os desprazamentos e o uso do espazo, así como sobre técnicas sinxelas de defensa e liberación adaptadas a situacións cotiás.

O obradoiro desenvolverase cunha metodoloxía activa, progresiva e participativa, baseada na aprendizaxe a través da experiencia. As participantes poderán practicar exercicios individuais, por parellas e en pequenos grupos, sempre nun contexto seguro e acolledor, adaptado ao nivel físico e emocional de cada persoa.

Ademais da aprendizaxe de técnicas físicas básicas, a proposta procura contribuír ao fortalecemento da autoestima, da autonomía persoal e da confianza no propio corpo, cuestionando estereotipos de xénero vinculados á vulnerabilidade, á ocupación do espazo público e á capacidade de reacción das mulleres.

O obradoiro estará impartido por Carla Mosquera Jove, graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Mestra Nacional de judo e cinto negro 4º DAN, con máis de 15 anos de experiencia na docencia de judo e defensa persoal. A súa traxectoria está vinculada á planificación e impartición de actividades físicas e deportivas con diferentes colectivos, cun enfoque baseado na seguridade, o respecto e a progresión pedagóxica.

A actividade está dirixida a mulleres e adolescentes a partir de 16 anos empadroadas no Concello de Oleiros, e desenvolverase na Casa da Cultura de Perillo os luns 19 e 26 de outubro, e 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro, en horario de 19:00 a 20:30 horas.
O número de prazas é limitado (22) e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. O prazo para inscribirse estará aberto dende as 9:00 do día 8 de outubro ata o 15 de outubro á mesma hora, a través da páxina web municipal, no apartado Participa, Actividades sociais.
 
Para máis información, contactar coa área de Igualdade do Concello de Oleiros no 981 610 000 (Ext. 3503), no 604 025 160, ou nos correos electrónicos igualdade@oleiros.org e igualdadeoleiros@gmail.com.

back link