Oleiros, 25 de maio de 2018-. O Concello de Oleiros organiza un intercambio xuvenil coa Comuna de Buccino, no sur de Italia, entre os días 15 e 21 de agosto. Os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que queiran participar poderán apuntarse desde o 11 ata o 22 de xuño na Fábrica.
En total ofértanse 20 prazas. No caso de que haxa máis solicitudes efectuarase un sorteo o día 25 de xuño. Os mozos e mozas participantes deberán elaborar un documental sobre o intercambio durante a súa estancia en Italia, para o que terán que asistir previamente a un curso formativo.
Este non será o primeiro intercambio xuvenil entre Oleiros e Buccino. Noutras dúas ocasións anteriores xa se realizou esta iniciativa coa que se pretende fomentar a convivencia e o encontro entre a mocidade destes dous municipios.
O intercambio leva o nome de “Xeración A Fábrica por Italia” facendo referencia aos grupos de mozas e mozos que participaron no proxecto “Xeración A Fábrica” e que desenvolven xunto ao Concello propostas para a xuventude de Oleiros. Entre as súas suxestións atopábase a da realización dun intercambio, polo que grazas á boa disposición da Comuna de Buccino o Concello conseguiu poñelo en marcha este verán.