Oleiros, 23 de febreiro de 2017-. O Concello de Oleiros pon en marcha un ciclo de tres obradoiros para a inclusión social dirixidos a nenas e nenos de entre 8 e 12 anos. O próximo luns 27 de febreiro abre o prazo para inscribirse no primeiro deles que terá lugar o 9 de marzo, ás 18:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda.
Os obxectivos que se pretenden conseguir con esta actividade son informar e sensibilizar sobre a realidade social próxima, a situación das persoas con diversidade funcional e as posibilidades dunha convivencia e interrelación activa; xerar actitudes e comportamentos pro-sociais en favor da normalización social das persoas afectadas por diversidade funcional; crear axentes activos de cambio social a través da participación conxunta en actividades e talleres sobre diferentes temáticas e sensibilizar á poboación en xeral das posibilidades e capacidades de todas as persoas e da necesidade de proporcionar as mesmas oportunidades.
Debido a que as prazas son limitadas debe realizarse reserva previa na Biblioteca Rialeda ou chamando por teléfono ao 981 639 511. Ademais do Obradoiro do día 9 de marzo, haberá outros dous: un o 20 de abril e o outro o 11 de maio. A Asociación Participa para la Inclusión Social imparte estas sesións.