Oleiros, 13 de xuño de 2022-. Todas aquelas persoas que vaian realizar unha fogueira a noite de San Xoán, tanto nas praias coma noutros lugares, deben solicitar previamente autorización ao Concello. É posible presentar a solicitude presencialmente nas oficinas xerais da Casa do Concello ou telematicamente a través da Sede electrónica, mediante o rexistro electrónico.
Para evitar danos persoais e materiais, o Concello lembra a importancia de cumprir as normas establecidas.
- As persoas solicitantes atenderán as indicacións e requirimentos da Policía Local, Garda Civil e do Servizo de Emerxencias e Protección Civil.
- As persoas solicitantes deberán coidar os arredores da fogueira.
- O desenvolvemento das fogueiras deberá axustarse ao permiso concedido.
- O volume máximo das fogueiras en zonas urbanas non excederá os 5 metros de perímetro, nin un metro de altura. En zonas rurais, o volume da fogueira non excederá os 3 metros de perímetro nin os 3 metros de altura.
- Porase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos, telefónicos ou outros.
- Non se poderán queimar plásticos, gomas ou calquera outra substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
- No caso de que unha fogueira se faga sobre terreos de uso público, nunca se poderá facer directamente sobre zonas pavimentadas nin axardinadas.
- Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables encargaranse de que a fogueira quede completamente apagada. Será obrigatorio limpar o espazo da fogueira ao rematar a actividade, deixando o espazo na súa situación previa.
- Nos espazos públicos, e en especial nas praias, as fogueiras colocaranse en liña, afastadas do mobiliario e, en ningún caso se poderán queimar táboas con puntas nin elementos que puidesen causar danos aos usuarios das praias, e non se permitirá acceder a eles con ningún tipo de mobiliario (cadeiras, sofás, etc).
- Nas praias, as fogueiras non se poderán instalar antes das 20:00 horas e rematarán, todo máis tardar, ás 4:00 horas.
- En todos os lugares públicos autorizados a actividade cesará ás 4:00 horas.