Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración cidadá para o día de mañá

O Concello de Oleiros lembra á veciñanza as principais normas e recomendacións para a xornada de mañá mércores 12 de agosto, con motivo da eclipse solar. Para garantir a seguridade, despregaranse máis de cen efectivos da Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil e Salvamento e Socorrismo, nun dispositivo no que tamén colaborará a Garda Civil. 

Recoméndase evitar o uso do vehículo particular sempre que sexa posible e realizar os desprazamentos a pé ou en bicicleta. Non será necesario acudir aos puntos de maior afluencia para observar a eclipse, xa que poderá contemplarse desde calquera punto do municipio.

Haberá restricións de tráfico –non peonís- nos accesos ao Faro de Mera e Seixo Branco, ao Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes, en Canide e en Boi de Canto e As Margaritas. O acceso en vehículo estará limitado aos residentes nestas zonas. Para os desprazamentos polo municipio recoméndase utilizar prioritariamente a Vía Ártabra e a N-VI e respectar en todo momento a sinalización e as indicacións dos efectivos de seguridade.

Tamén haberá zonas nas que estará prohibida a observación e o acceso do público, como o Castelo de Santa Cruz, determinadas áreas protexidas do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes que estarán indicadas e os cantís de toda a costa. Nas praias, que son uns dos mellores puntos de observación, haberá un dispositivo especial de Salvamento e Socorrismo, con cinco embarcacións, e desde as 19:30 h non estará permitido o baño debido á redución da visibilidade e á imposibilidade de utilizar as gafas homologadas durante o baño.

O Concello lembra que a eclipse debe observarse exclusivamente con gafas homologadas para a observación solar. Nunca se debe mirar directamente ao sol sen protección certificada, xa que pode provocar lesións irreversibles na vista. Ante unha emerxencia grave deberá chamarse ao 112; para cuestións relacionadas coa seguridade estarán operativos tamén a Policía Local (981 610 001) e a Garda Civil (062). 

O Concello de Oleiros agradece de antemán a colaboración da cidadanía e fai un chamamento para que, entre todos e todas, contribuamos a facer desta xornada excepcional unha experiencia segura e inesquecible.

MAPA INFORMATIVO: https://earth.google.com/web/@43.35661726,-8.35161136,-0.75493827a,3066.90871295d,35y,0h,0t,0r/data=CgRCAggBMikKJwolCiExR3M4Z19XLWhaY0ZaSms5a0tsQ0lTbHk3SlpSU3Z1aXIgAToDCgEwQgIIAEoICLum0bQDEAE?authuser=0

 

back link