Oleiros, 31 de outubro de 2018-. A concellería de Servizos Sociais e Sanidade do Concello de Oleiros e o Seminario de Estudos de Xénero e Ciencias da Actividade Física e o Deporte do INEF continúan a súa estreita colaboración e poñen un marcha un proxecto piloto dirixido a desenvolver unha actividade física para mulleres que pasaron ou están a pasar por unha enfermidade oncolóxica. As consecuencias de padecer un cancro teñen unha importante repercusión na saúde, no estado físico e no emocional, non só pola dureza da enfermidade, senón tamén pola agresividade dos tratamentos.
O fin desta actividade é contribuír a mellorar a calidade de vida destas mulleres a través da práctica dunha actividade física, adaptada, cun triplo obxectivo: reducir os efectos secundarios dos tratamentos como fatiga, sufocacións, trastornos do sono, alteracións na concentración e a memoria, sobrepeso, sequidade nas mucosas, linfedema e alteracións na imaxe corporal; incrementar e mellorar a autoestima, o benestar emocional, a sexualidade e as relacións sociais; e crear un grupo de iguais no que apoiarse e afrontar as dificultades do día a día.
Celebrarase unha sesión semanal de hora e media de duración, os venres de 12:00 a 13:30 horas na Facultade de Ciencias da Actividade Física e o Deporte. En función da demanda podería estudarse a creación doutro grupo noutro día e incluso engadir outras actividades físicas complementarias que se poidan levar a cabo en función do perfil das participantes.
Esta semana pasada informouse ao persoal sanitario nos Centros de Saúde de Oleiros deste proxecto, polo que as mulleres interesadas poden falar co seu médico de referencia que valorará a idoneidade ou non desta actividade. Actividades similares dirixidas a mulleres xa foron postas en marcha no pasado entre ambas entidades, Concello de Oleiros e INEF, estando a día de hoxe consolidadas e cunha importante participación enmarcadas dentro do Plan de Igualdade de Oleiros.