Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello demanda á Xunta a inmediata incorporación de todo o profesorado das Escolas infantís

As escolas infantís comezaron o luns un novo curso escolar sen todo o persoal necesario, o que está a provocar a redución de horarios de atención aos nenos e nenas. O Concello esixe que a Xunta cubra de inmediato todas as prazas para garantir o correcto funcionamento do servizo e facilitar a conciliación das familias.

As escolas infantís de 0 a 3 anos teñen, ademais da súa función educativa, un papel fundamental como servizo de apoio á conciliación. Por iso, é especialmente grave que o curso comece sen que estea garantida a presenza de todo o persoal necesario para prestar o servizo nas condicións previstas.

A situación está a afectar directamente ás familias, que ven modificados ou limitados os horarios inicialmente previstos, dificultando a súa organización diaria e obrigando, en determinados casos, a buscar alternativas para poder atender as súas obrigas laborais.

O problema afecta tamén ao propio persoal das escolas infantís que leva tempo reclamando determinadas melloras nas condicións de prestación do servizo, tanto para garantir unha atención de calidade aos nenos e nenas como para mellorar as condicións de traballo. Lonxe de atender esas demandas, a falta de persoal está provocando que as traballadoras teñan que afrontar maiores cargas de traballo e unha situación de saturación, precisamente nun servizo no que a atención directa aos pequenos require estabilidade, coordinación e suficientes recursos humanos.

O Goberno municipal considera que non se pode sobrecargar máis ás profesionais das escolas infantís, nin tampouco trasladar ás familias as consecuencias dunha falta de previsión ou de planificación da Xunta de Galicia da contratación e cobertura dos postos. 

Aínda que se trata dunha competencia exclusivamente autonómica, foi o Concello quen adquiriu o solo necesario e construíu as 4 escolas infantís de Oleiros. Ademais, financia o 30% dos gastos anuais das escolas. 

back link