Oleiros, 7 de maio de 2018-. O Concello de Oleiros cancelou a festa que unha empresa privada da Coruña pretendía realizar o vindeiro día 3 de xuño na casa municipal de préstamo da praia de Bastiagueiro. Unha veciña de Nós fixo unha petición falsa para que unha empresa realizara unha festa na que se ían vender entradas e cobrar por diversos servizos, o que non está permitido.
As casas de préstamo municipais son para festas e reunións de veciños e veciñas de Oleiros, que non teñen que pagar ningunha taxa polo uso destes recintos. Non está permitido que ningunha empresa privada nin ningunha persoa ou grupo de persoas utilice estas instalacións públicas para lucrarse. Aquelas persoas que incumpran as normas de préstamo ou soliciten a casa para terceiras persoas non empadroadas en Oleiros enfróntanse a sancións económicas que poden chegar ata os 6.000 euros.
“As casas de préstamo son de uso gratuíto para todos os veciños de Oleiros, tendo uso prioritario os mozos. Non imos tolerar que ningunha empresa nin ningunha persoa utilice estas instalacións públicas para lucrarse. Tampouco imos permitir que veñan persoas doutros municipios a facer aquí as súas festas, porque estarían privando a veciños de Oleiros de facelas.O que pretendía facer unha empresa o día 3 de xuño na casa de préstamo de Bastiagueiro é un negocio tremendo, cobrando entradas, comidas,... como se fora un restaurante ou unha sala de festas. É un escándalo!”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.