Oleiros, 7 de setembro de 2018-. A disolución dos consorcios, ditaminada na Lei 40/2015 de 1 de outubro, implica a súa adscrición ao concello de máis poboación e funcionarios, que no caso do Consorcio das Mariñas é o de Oleiros. Esa adscrición responsabiliza ao Concello de Oleiros do orzamento e da contabilidade do Consorcio e obrígao a facer unha auditoría anual das contas do organismo.
A auditoría vai examinar a conta xeral do Consorcio das Mariñas correspondente ao exercicio 2017, co fin de verificar que a mesma reflicta axeitadamente a situación patrimonial, os resultados das operacións e os cambios financieiros. Ademais tamén van examinarse o cumprimento do orzamento e as posibles desviacións, a adecuación dos gastos ás competencias que ten o Consorcio, a xestión da tesourería, os gastos de persoal e os gastos en transferencias e subvencións.
O vindeiro martes día 11 está convocada unha reunión co equipo auditor; co presidente, o secretario e o interventor do Consorcio das Mariñas; e co alcalde, a secretaria e o interventor do Concello de Oleiros. No encontro presentarase o programa da auditoría, o calendario de execución do contrato e concretarase a documentación que deberá facilitar o Consorcio para a realización do traballo.