Oleiros, 3 de maio de 2018-. O vindeiro mes de setembro comezarán as clases da Escola Municipal de Teatro do Concello de Oleiros. Ofértanse un total de 260 prazas para persoas maiores de 4 anos.
O prazo para matricularse abre o vindeiro luns 7 de maio e pechará o día 23. No caso de haber máis solicitudes que prazas realizarase un sorteo. A Escola Municipal de Teatro oferta un nivel de iniciación para nenos e nenas de 4 a 7 anos, así como curso básico, medio e avanzado, tanto para adultos como para mozos e mozas.
As clases impartiranse na actual sede da Escola Municipal de Danza, na avenida Valle-Inclán. Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Centro Municipal de Artes Escénicas no teléfono 981639688 ou co servizo municipal de ensino no correo electrónico ensino@oleiros.org.