Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello de Oleiros inaugura oficialmente a rúa Concelleiro Alfredo Novoa

Oleiros, 10 de decembro de 2016-. Máis de 200 persoas, entre as que se atopaban as autoridades municipais e o propio homenaxeado, participaron esta mañá no acto de nomeamento oficial da rúa Concelleiro Alfredo Novoa, en Nós. O Concello de Oleiros pretende recoñecer desta maneira o importantísimo traballo desenvolvido por este destacado político que formou parte dos Gobernos municipais desde o 1987 ata o 2007.

O alcalde, Ángel García Seoane, eloxiou durante a súa intervención a traxectoria política e persoal de Alfredo Novoa e destacou a súa grandísima importancia na posta en marcha e consecución do singular modelo político e social existente en Oleiros. García Seoane tamén explicou que o Concello de Oleiros buscaba “unha rúa singular” dentro da localidade onde Novoa Gil reside desde hai máis de 40 anos. “Esta vía leva a un colexio público e a un grande parque de 30.000 metros cadrados. Un sitio especial custodiado por Salvador Allende por un lado e Alexandre Bóveda polo outro, dous grandes personaxes da historia e dous grandes loitadores como Alfredo”, dixo García Seoane.

Pola súa parte, Alfredo Novoa agradeceu as palabras do alcalde e todo o agarimo recibido polos numerosos veciños e amigos que se achegaron ata Nós no día de hoxe. O concelleiro dedicou unha grande parte da súa vida á xestión e ao desenvolvemento do Concello de Oleiros. Foi unha parte destacada dos distintos gobernos municipais nos que participou. Tamén presidiu o Fondo Galego de Cooperación durante 15 anos e desenvolveu un importante traballo como sindicalista de Comisións Obreiras.

back link