Oleiros, 15 de novembro de 2017-. Ante a situación de risco de seca que se está a vivir na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e ante a posibilidade de que nos próximos meses empeore a situación pola falta de choiva, o Concello de Oleiros fai un chamamento a todos os veciños e veciñas para que realicen un consumo responsable da auga.
Igualmente, o propio Concello adoptou unha serie de medidas extraordinarias co fin de aforrar o consumo. Entre outras iniciativas, eliminaranse os baldeos de rúas para a súa limpeza, reduciranse os regos públicos e realizarase un maior control de consumos en edificios e instalacións municipais.
É preciso tomar conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, minimizando especialmente os usos prescindibles. Por iso é moi importante adoptar as precaucións necesarias para evitar o gasto innecesario de auga e manter as reservas o máximo tempo posible.