Oleiros, 12 de decembro de 2016-. O Concello de Oleiros decidiu que o Parque das Galeras non se denomine Parque Fidel Castro para cumprir coa vontade do líder da revolución cubana de que no se construíse ningún monumento na súa honra nin que tampouco se lle puxese o seu nome a ningunha praza, rúa, parque ou institución. O parque, que se atopa en proceso de ampliación, pasará a ocupar nos próximos meses toda a franxa costeira desde Santa Cruz ata a praia de Bastiagueiro, unha superficie de máis de 100.000 metros cadrados.
O Parque das Galeras atópase nunha urbanización que ten as súas rúas dedicadas a diferentes revolucionarios e libertadores dunha recoñecida traxectoria histórica. No momento da creación destas rúas, o Concello de Oleiros tiña intención de que unha delas levase o nome do líder da revolución cubana. A negativa de Fidel Castro a recibir este tipo de recoñecementos impediuno.
Fidel Castro Ruz foi o revolucionario máis importante do século XX. Grazas ao seu liderado, a república de Cuba acadou importantes conquistas sociais, malia o bloqueo do Estados Unidos e de moitos outros países tras a caída do muro de Berlín. Castro foi o principal artífice para que esa pequena nación se convertise no país máis culto e educado de todo o planeta.