Oleiros, 15 de febreiro de 2016-. A loita do Goberno municipal para erradicar a avespa velutina non é unha novidade. O Concello leva retirados centos de niños desta especie invasora no municipio e está a estudar outros posibles métodos coa intención de aplicalos proximamente.
“O problema da avespa velutina preocúpame moito como cidadán e como político. Queremos convencer á xente de que agora mesmo, coa baixada das temperaturas non hai actividade nos niños. As avespas refúxianse noutros lugares”, explicou o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane.
Sobre os niños que se atopan moi elevados, o alcalde explicou unha vez máis que o Concello non dispón dos medios precisos para acceder a eles. “Non hai deixamento, pero non dispoñemos dos medios para chegar aos niños que están moi altos, como o que hai na rúa Polvorín en Perillo ou na urbanización Os Regos”, explicaba o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane. Para aqueles niños de máis de 20 metros de altura, os medios cos que conta o Concello non son válidos e a Xunta segue sen preocuparse por este asunto.