Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello de Oleiros colabora con Cruz Vermella na búsqueda de familias acolledoras

Oleiros, 19 de abril de 2016-. O Concello de Oleiros iniciou onte unha campaña de captación e búsqueda de familias acolledoras en colaboración con Cruz Vermella.  Durante un mes, a través dos distintos medios de comunicación municipais, informarase á veciñanza deste programa que ten como obxectivo captar, seleccionar e formar a familias interesadas en ofrecer o seu apoio a menores que se atopen en situación de desprotección. A difusión realizarase cunha exposición de paneis informativos no centro cultural A Fábrica e na Escola de Danza, con cartelería na maioría dos edificios municipais, con mensaxes nos paneis informativos, presenza na radio municipal, así como difusión do programa a través das redes sociais.

O programa de acollemento familiar consiste en distintas familias ás que confiar o coidado e atención de menores que se atopen nunha situación desprotección pola falta de coidados por parte da súa propia familia. Desta forma, evítase que eses menores sexan ingresados en centros dependentes da Administración e dáselles a protección necesaria nun contorno familiar, menos traumático e máis acolledor.

Estas familias deben reunir unhas condicións persoais, educativas e materiais determinadas, polo que o equipo de profesionais que xestiona este programa en Cruz Vermella é quen realiza a valoración da idoneidade desas familias e as apoia, acompaña, asesora e forma en todo o proceso. Grazas a esta iniciativa os nenos e nenas que se ven separados dos seus contornos familiares poden ter igualmente unha vida familiar natural na que medrar, aprender e recibir o agarimo que axude a compensar e reparar os danos vividos.

Este programa desenvólvese desde fai 20 anos na nosa Comunidade Autónoma, depende dos Servizos de Protección de Menores da Xunta de Galicia e a súa xestión a realiza dende os seus inicios Cruz Vermella.

O Concello de Oleiros sempre apoiou este programa colaborando nas distintas campañas de promoción e difusión que se fan, sendo o de Oleiros un dos concellos máis solidarios e os que presenta un maior número de familias acolledoras de toda a Comunidade Autónoma.

Todas as persoas interesadas en participar neste programa ou ter unha maior información poden contactar con teléfono de atención ao veciño 981 610 000.

 

back link