Oleiros, 18 de outubro de 2018-. O Concello de Oleiros fai público o seu apoio incondicional á plantilla de 369 persoas traballadoras afectadas polo anuncio do peche da planta da empresa Alcoa en A Coruña e á súa vez insta á poboación a mobilizarse para esixir a detención do procedemento de despido colectivo e o expediente de extinción.
Este mércores a dirección da empresa Alcoa trasladou ao seu Comité Europeo a decisión de pechar a planta de A Coruña. Esta decisión suporía o inicio dun procedemento de despido colectivo que afectaría a case 400 traballadoras e traballadores da planta de Alcoa na cidade herculina. Alcoa, que xustifica os despidos por “problemas estruturais intrínsecos” que teñen que ver coa intención de pechar a produción en España para trasladala a China, ven de triplicar as súas perdas pese a recibir 130 millóns de axudas públicas con cargo ao recibo da luz e máis de 1.000 millóns nos últimos 10 anos. Esta situación supón unha terrible vulneración dos dereitos dos traballadores e traballadoras da planta da Coruña, que non teñen culpa de que os directivos estean xestionando mal a empresa.
“Os traballadores de Alcoa sempre van contar co apoio do Concello de Oleiros e de Alternativa Dos Veciños. Penso que o mellor que podemos facer por eles é loitar, saír á rúa. Cando convoquen unha manifestación acudir todos, non aparecer alí 4, porque hoxe son eles e mañá podes ser ti. A xente pensa pouco niso, pero hai que defender os postos de traballo…. As multinacionais manexan os estados de maneira escandalosa. No caso de Alcoa recibiron subvencións millonarias das administracións, 1.000 millóns nos últimos 10 anos. Agora queren disimular dicindo que a luz que é moi cara, pero a razón principal do peche é que queren trasladarse a outros lugares onde van escravizar a persoas para que traballen por soldos miserables, en vez de pagar a profesionais os salarios que lles corresponden”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.