Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello continuará demandándolle á Xunta que cumpra coas súas obrigas na educación pública

Oleiros, 11 de febreiro de 2016-. As principais competencias e obrigas no ámbito da educación pública correspóndenlle á Xunta de Galicia. Por exemplo, no Colexio Valle Inclán o organismo autonómico ten que construír un comedor escolar decente cos terreos que lle cedeu o Concello de Oleiros.

“A  voceira municipal do Partido Popular ten que lle dicir ao máximo responsable do seu partido e presidente da Xunta de Galicia que se aplique o conto e que constrúa un comedor público como é debido no Colexio Valle Inclán. O Concello entregoulles o terreo necesario para facer unhas instalacións decentes e rematar co barracón que se utiliza como comedor escolar”, comentou o alcalde de Oleiros.

Ángel García Seoane demandou unha vez máis que os e as escolares do municipio paguen o mesmo por comer. “Non pode ser que aos nenos e nenas da Rabadeira lles coste unha cantidade a comida e os dos outros centros teñan que pagar outro prezo distinto”, dixo.

No seu momento, as ANPA puxéronse en contacto co Concello para garantir a seguridade e a calidade da comida nos centros de ensino público. As nais e pais asumiron a xestión dos comedores coa axuda do Goberno local, que apoia e colabora continuamente a estas entidades, entre outras cousas coas subvencións anuais.

Sobre os problemas particulares que poden existir en Culleredo, o alcalde sinalou que a situación non é igual á que hai en Oleiros. “En Culleredo hai unha problemática distinta. Alí as ANPAS cren que hai que facer algo para mellorar a calidade da comida e Alternativa dos Veciños considera que a solución que demandan as nais e pais de Culleredo é a máis axeitada”, explicou García Seoane.
 

back link