Na escola infantil A Pardela, nos Regos, a reforma integral iniciada o pasado verán ten un custo total de 427.754,75 euros, incluíndo a renovación da cuberta e das fachadas, a substitución de carpinterías e lucernarios, a instalación de iluminación LED e diversas reparacións por humidades, así como a renovación do parque infantil.
A obra continúa agora na súa segunda e definitiva fase, cun orzamento de 288.597,18 euros. Esta etapa contempla a substitución do chan por pavimento vinílico de alta resistencia, que tamén cubrirá as paredes ata un metro de altura por motivos de seguridade; a reforma dos baños das aulas e reparación do seu alicatado; a renovación da carpintería interior (incluíndo armarios), a reforma dos falsos teitos, a modernización da instalación térmica e dos equipos de cociña, así como a mellora do revestimento da plataforma perimetral.
Pola súa banda, na escola infantil das Galeras acometeranse a substitución do chan por pavimento vinílico e a protección das esquinas interiores do edificio, cun investimento de 99.578,14 euros.
O Concello está a asumir a financiación destas actuacións, que corresponderían á Xunta de Galicia. O estado de deterioro que presentaban estes centros, pertencentes á rede A Galiña Azul, resultaba xa inasumible ante a inacción da Xunta, malia as reiteradas demandas do goberno municipal para que asumise a súa responsabilidade.