Oleiros, 19 de outubro de 2018-. As Bibliotecas municipais de Oleiros énchense de actividades con motivo do Día da Biblioteca, que se celebra o vindeiro mércores 24 de outubro. A intención do Concello é amosar a biblioteca como un lugar de lecer, que ofrece múltiples servizos, ademais de animar a ler e a gozar da literatura e da música a adultos, nenas e nenos.
Na Biblioteca Central Rialeda o propio mércores 24, ás 20:00 horas, haberá un concerto de música soul a cargo do grupo Black Galicia. Antes, ás 17:30 horas haberá unha tertulia literaria sobre o libro Volver a casa. O xoves, ás 18:30 horas, a actriz e contadora de contos Soledad Felloza representará Cabaliño hop, dirixido a nenos e nenas de 1 a 3 anos. Ademais, ao longo de toda a semana estará exposta unha mostra bibliográfica dedicada a libros de temática feminista.
Na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz haberá unha mostra bibliográfica sobre o álbum ilustrado. Tamén está prevista a celebración de tertulias literarias e dun contacontos cun obradoiro de ilustración dirixido a nenos e nenas maiores de 4 anos, o mércores 24 ás 18:30 horas.
Na Biblioteca Manuel María de Oleiros, entre outras actividades, haberá contacontos o martes ás 18:30 horas. Será Velaivai, con Ramiro Neira, para nenas e a nenos maiores de 3 anos.
En Dorneda, na Biblioteca María José Ruso, tamén haberá contacontos para nenos e nenas maiores de 4 anos. Trinke Trinke traerá Lilí na escola o luns, ás 18:30 horas. Igualmente, haberá exposicións e agasallo de libros para os usuarios que acudan á biblioteca o mércores e leven fondos en préstamo.
En Mera, na Biblioteca María José Trincado, Caxoto contará o conto O berce da verbas, hoxe venres ás 18:30 horas. Ao longo da semana entregaranse marcapáxinas.
Nas bibliotecas Ánxel Fole de Nós e Xograr Mendiño de Lorbé realizaranse diversas exposicións e agasallarase aos visitantes con marca páxinas conmemorativos.