O Goberno municipal trasladou en reiteradas ocasións ao longo dos últimos anos as demandas da cidadanía: que se cumpran os horarios, que se incrementen os servizos en horas puntas, que non se deixe tirado a ninguén nas paradas, que se aumenten as expedicións e que se amplíen os percorridos (creación da liña Perillo-Universidade, bus urbano 1-A a Santa Cristina, prolongación da do bus do Seixal ata San Pedro, novas liñas a Xaz e Abeleiras, conexión co polígono comercial de Iñás...).
A última reunión na que o Concello trasladou á Xunta todas estas demandas foi en decembro. Proximamente celebrarase un novo encontro no que se responderán a todas estas cuestións.