Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Centro de Día para maiores das Galeras ten 8 prazas libres e 15 persoas agardando entrar

 Oleiros, 16 de setembro de 2022-. O prazo desde que se solicita ata que se concede é de 6 meses, pero para chegar a utilizalo aínda hai que agardar un ano máis: 18 meses.

 
“Resulta escandaloso que non se cubran as 8 prazas libres que existen no Centro de Día para persoas maiores das Galeras a pesar de que 15 persoas están agardando para gozar deste servizo público”. Así o expresou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, compartindo a indignación de moitas persoas que comproban que por cuestións burocráticas ou por razóns inconfesables poden estar mantendo o servizo neste nivel de precariedade, o que repercute en menores custos de explotación.
 
A velocidade burocrática para ingresar neste centro é inexplicablemente lenta. O habitual é que desde que se solicita o ingreso pasen uns 6 meses ata a resolución concedendo o dereito a ser atendido no centro. O prazo convértese nun ano e medio ata que realmente se incorpora a usuaria ou usuario, tempo que se xa resulta moi dilatado para calquera persoa, no caso da xente maior convértese nun dato máis cruel, pois o tempo e as expectativas vitais transcorren doutro xeito a esa idade.
 
Aínda que o centro depende da Xunta de Galicia, a súa xestión está a cargo dunha empresa privada, que cobra integramente o importe da súa concesión. O Concello achega o 33% dos gastos do seu mantemento.
back link