Oleiros, 25 de outubro de 2019-. O Castelo de Santa Cruz iluminarase a noite do sábado de cor verde polo Día do Dano Cerebral como apoio ás reivindicacións do movemento asociativo agrupado arredor desta doenza. O Concello de Oleiros atendeu a petición de ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, co obxectivo de sensibilizar a sociedade sobre as necesidades que teñen as persoas cun problema deste tipo como consecuencia dun ictus, un accidente, un tumor...
Hemeroteca
Desde Octubre 2010
Son 4.500 persoas as que están afectadas en toda a provincia da Coruña por este problema e esta asociación, a través do centro de día que ten na Coruña, intenta cubrir as necesidades deste colectivo principalmente no que a rehabilitación se refire a través de servizos de terapia ocupacional, logopedia, fisioterapia, así como actividades de ocio e tempo libre.
As reivindicacións do asociacionismo de dano cerebral concrétanse no establecemento dun criterio diagnóstico de dano cerebral adquirido (DCA) no momento da alta hospitalaria, a elaboración dun censo de persoas con dano cerebral, a posta en marcha dunha estratexia integral de atención ao DCA e de medidas especiais de apoio a estas persoas e ás súas familias, en especial daquelas en situación de especial vulnerabilidade.
Con este xesto, o Concello de Oleiros súmase aos actos convocados para este día. Son moitas as persoas que precisan dunha atención rehabilitadora máis aló da que se está a prestar na actualidade desde a sanidade pública.