Oleiros, 4 de outubro de 2018-. O Voluntariado de Oleiros realizará unha recollida solidaria de produtos de hixiene persoal e limpeza, así como de latas e conservas, no supermercado Gadis de Bastiagueiro o vindeiro sábado 6 de outubro en horario de 10:00 a 22:00 horas. Distintos equipos de voluntarios e voluntarias, organizados en quendas, recollerán os produtos á vez que informarán sobre as actividades que desenvolve o Voluntariado de Oleiros.
Todos os produtos recollidos irán destinados ao Banco Solidario, un proxecto do Voluntariado de Oleiros que conta cunha intensa actividade durante todo o ano e na que participan un maior número de persoas voluntarias. Estas recollidas complementan os repartos que se realizan nas campañas de alimentos excedentes da Unión Europa e as que organiza o propio voluntariado, así como os recursos e programas do departamento de Servizos Sociais do Concello.