O AUTO DO CASTROMIL é unha obra de teatro onde se representa unha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e tal vez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos máis armas que o humor e o espírito entroidesco. O auto do Castromil é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente.
Con este proxecto Excéntricas gaña o III concurso de proxectos que convoca a Fundación Manuel María e que recibe o apoio de máis de corenta concellos e institucións de Galiza.
A duración do espectáculo é de 85 minutos e está dirixido a público maior de 12 anos.
O prezo da entrada é de 4,00 euros. Poderán ser adquiridas con anterioridade á celebración do espectáculo en www.giglon.com (desde o domingo 6 de setembro ao sábado 12 de outubro ás 19:00h) ou o mesmo día do espectáculo, unha hora antes, na billeteira do auditorio.
Autoría: Manuel María
Dirección e dramaturxia: Quico Cadaval
Elenco: Patricia Vázquez, Rocío González, Victor Mosqueira e Marcos Orsi
Duración: 85 minutos
Público: adulto (maiores de 12 anos)