Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O alumnado dos centros públicos e as entidades recibirán unha publicación municipal sobre Carlo

Oleiros, 27 de abril de 2017-. O Concello de Oleiros repartirá entre o alumnado dos centros públicos e as entidades municipais un caderno didáctico de Carlos Casares editado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Maria Casares, en colaboración co Concello de Oleiros, coordinado por Pepe Taboada e maquetado e ilustrado por Miguel Cuba.

Este proxecto de colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES María Casares comezou en 2010 coa elaboración do caderno de Uxío Novoneyra, e continuou en anos posteriores con autores como Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade, Roberto Vidal Bolaño ou Manuel María.

Este ano as Letras Galegas dedícanselle a Carlos Casares, un dos precursores da literatura infantil en galego, consagrado novelista, ensaísta e biógrafo ourensán que destacou tamén pola súa faceta política nos anos da transición e comezos da democracia, implicándose de xeito intenso na reivindicación da autonomía para Galicia e na andadura inicial das institucións de autogoberno.

O caderno de Carlos Casares componse dunha “Advertencia Preliminar”, a modo de prólogo, elaborada por Fernando Díaz-Castroverde Gómez; unha biografía contextualizada realizada por Pepe Taboada Pérez e Fernando Díaz-Castroverde Gómez, unha “Achega á narrativa de Carlos Casares” que se compón dunha pequena escolma narrativa do autor ourensán elaborada por Raquel Guimarei Taibo e Pepe Taboada acompañados dun conxunto de obradoiros  prácticos.

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística quere facilitar a difusión da obra do narrador ourensán, polo que agasallará con este caderno ao longo destes días ao alumnado da ESO, bacharelato e FP dos centros de ensino público, ás bibliotecas dos centros e ás entidades culturais do Concello, ademais das persoas que están a participar na programación das Letras Galegas elaborada pola Concellaría.

Durante todo o mes de maio celebraremos as Letras con infinidade de actividades lúdico-didácticas para todos os públicos: conferencias, contadas para o alumnado dos centros de ensino, actividades infantís abertas ao público nas bibliotecas, mostras bibliográficas, obradoiros, proxección do documental Contando a Carlos Casares e concertos.
 

back link