Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O alcalde recibe en Cádiz o Premio Cidades que Camiñan 2025 outorgado a Oleiros

O alcalde, Ángel García Seoane, recibiu esta mañá en La Línea de la Concepción o Premio Cidades que Camiñan 2025, outorgado a Oleiros na modalidade de concello mediano pola creación do paseo fluvial de Iñás e Nós. Con esta destacada distinción por parte da entidade de referencia en España e Portugal en transformación urbana e mobilidade recoñécese as políticas de mobilidade do Goberno municipal de Oleiros.

Deseñar e realizar a senda entre Nós e Iñás como un itinerario alternativo á NVI foi o motivo que tivo o xurado para conceder o premio. Facilitar a mobilidade natural durante 4 km desa estrada radial por un camiño libre de coches e ruídos, que decorre entre bosques polo interior sur do concello conectando O Seixal con Iñás, e todos os núcleos e urbanizacións que hai ao longo do percorrido, foi a misión desta ruta ciclo peonil.

Na súa intervención o alcalde agradeceu a entrega do premio e afirmou que “despois de 46 anos gobernando no noso municipio, cunha candidatura independente de esquerdas e grazas á política de urbanismo levada a cabo, temos hoxe un municipio distinto e singular que se chama Oleiros. Os máis de 1.200.000 metros de parques, 26 km de paseos marítimos, gran cantidade de sendas peonís e ciclables puideron ser realizadas grazas ao entendemento do goberno municipal cos veciños e veciñas. Grazas ao traballo inmenso e predisposición dos colectivos de cidadáns e cidadás que estiveron sempre favorables á cesión das súas propiedades para a consecución de melloras para toda a cidadanía, Oleiros é hoxe recoñecido”.

O xurado, formado por formado por prestixiosos e recoñecidos arquitectos e enxeñeiros independentes, destacou que a senda é “un modelo senlleiro de desenvolvemento territorial cunha aposta pola mobilidade natural que pode tomarse como exemplo estimulante para municipios de poboamento disperso”. 

Outros aspectos destacados foron “a calidade das solucións construtivas adoptadas, ofrecendo unha imaxe amable e cálida, que, sen ser invasiva, realza a paisaxe”. Esta vocación transmítese, segundo o informe do xurado, “mesmo nas prazas de aparcamentos vinculados á senda (pequenos nós de intercambio modal), con pavimento permeable. A incorporación de aseos públicos é outro punto para destacar, pois favorecen a accesibilidade universal”.

back link