Oleiros, 22 de febreiro de 2016-. O veciño de Oleiros don Marceliano García Hernández celebrou o sábado o seu centenario. Por este motivo o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, en representación do Concello felicitou persoalmente a este home que cumpriu cen anos mantendo unhas magníficas facultades físicas e mentais.
Ademais de telo visitado no seu domicilio con anterioridade, o alcalde recibiu o sábado na Casa do Concello a don Marceliano, aos seus fillos e a outros membros da súa familia para felicitalo polo seu significativo aniversario. García Seoane fíxolle entrega dun obsequio no que eloxia a este veciño exemplar por cumprir “cen anos de vida, de historia, de sufrimentos e traballo, de alegrías e desgustos, de ética e honradez, de convivencia e amizades, de elegancia e saber estar... en familia”. Así mesmo, o agasallo tamén recolle o desexo de todo o Goberno municipal de que siga a prolongar os seus días como veciño de Oleiros.