Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Novo programa municipal de apoio ás persoas coidadoras e á atención á dependencia

O Concello de Oleiros contratará por 116.259,35 euros un programa de apoio ás persoas coidadoras e atención á dependencia durante 4 anos. A iniciativa reforza o compromiso municipal co benestar das persoas coidadoras e das persoas en situación de dependencia, ofrecendo un servizo especializado de acompañamento, formación e estimulación.

O programa, promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, está orientado a reducir o impacto físico, emocional e social que supón asumir de maneira continuada o coidado dunha persoa con enfermidades crónicas ou neurodexenerativas. Ao mesmo tempo, busca mellorar a calidade de vida das persoas usuarias mediante actuacións de estimulación cognitiva e actividades que favorezan a súa autonomía e participación.

O servizo estrutúrase en tres liñas de intervención. A primeira está dirixida ás persoas coidadoras e inclúe os talleres terapéuticos “Descubrindo emocións” e “Coidando emocións”, con grupos de ata 15 participantes. O primeiro desenvolverase en tres edicións anuais de oito sesións semanais, mentres que o segundo contará cun máximo de vinte sesións quincenais ao longo do ano. Ambos talleres levaranse a cabo no Centro de Formación “Isaac Díaz Pardo”. 

A segunda liña corresponde ao programa de estimulación cognitiva para persoas con alzheimer ou outras enfermidades neurodexenerativas en fase inicial. Disporá de ata 15 prazas e desenvolverase mediante un máximo de 41 semanas anuais, con dúas sesións semanais no Centro Cívico de Santa Cruz. Ademais de favorecer o mantemento das capacidades cognitivas e funcionais das persoas usuarias, este servizo ofrece tamén períodos de descanso ás persoas coidadoras.

O programa complétase coa actividade O paseo dos sentidos, integrada na terceira liña de intervención, que consistirá na realización de oito saídas anuais pola natureza, cun máximo de 15 participantes por itinerario. Estas actividades están orientadas a fomentar a socialización, o benestar emocional e a creación de redes de apoio entre as persoas participantes.

Con esta actuación, o Concello continúa fortalecendo os recursos municipais de apoio ás familias, impulsando un modelo de atención integral que mellora a calidade de vida tanto das persoas coidadoras como das persoas en situación de dependencia, ao tempo que promove o seu benestar físico, emocional e social.

Calquera dúbida ao respecto poden consultala nas oficinas da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, chamando ao teléfono de atención veciñal 981 61 00 00 ou contactando no correo electrónico s.sociais@oleiros.org 


 

back link