Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Mercedes Queixas falará sobre a vida e obra de Manuel María cos estudantes de ESO e Bacharelato

Oleiros, 20 de maio de 2016-. As Torres de Santa Cruz acollerá o vindeiro 24 de maio, ás 10:50 horas, unha conferencia divulgativa de Mercedes Queixas dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato. A escritora e profesora de lingua e literatura galega no ensino secundario explicará os aspectos biográficos máis significativos de Manuel María, o autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, así como a importancia e características fundamentais da súa obra. Participarán 154 alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato acompañados do seu profesorado.

No libro sobre Manuel María “Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María” escrito por Mercedes Queixas e publicado pola editorial Galaxia, a profesora segue o roteiro vital e literario do poeta destacando o seu amor aos próximos, á casa, á tribo chairega, á nación galega, ao pobo, á cultura, á literatura e á lingua galega, e explica como todo isto confluíu nunha espléndida obra literaria. A editorial Galaxia colabora nesta actividade.

CONTACONTOS

Tamén o martes 24 de maio, pero ás 18:30 horas, e dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos, na Biblioteca Pública Municipal Manuel María de Oleiros realizarase un contacontos titulado “Babacontos con Manuel María” a cargo de Larraitz. Trátase dunha actividade de narración oral na que contos e poesías de Manuel María forman parte do seu repertorio, dando a coñecer, aos nenos e nenas, algunhas das poesías de “Os soños na gaiola” e o conto “O bigote de Mimí”.
 

back link