Oleiros, 29 de setembro de 2017-. Un total de 615 persoas maiores de 60 anos do Concello de Oleiros participaron na XXI edición do programa municipal Ven e Descubre. Realizáronse 18 saídas de excursionismo nas que se ocuparon 1.621 prazas e 16 saídas de sendeirismo, dúas delas de fin de semana, nas que se ocuparon un total de 758 máis.
O fin de semana pasado, tras a última das rutas de sendeirismo de fin de semana denominadas “Sendeiros de Outono” pola comarca do Bierzo, finalizou a actividade do programa de excursionismo e Sendeirismo do Concello de Oleiros “Ven e Descubre”. Foron seis meses de intensa actividade, desde abril ata setembro. O fío condutor de todas as actividades foron os momentos históricos claves que se viviron nos lugares que se visitaban, un programa moi completo que baixo o suxestivo nome de “Sabor a Historia” percorreu Galicia descubrindo fitos transcendentais da nosa historia. Visitáronse os lugares onde sucederon os feitos, descubrindo o seu patrimonio cultural e natural e observando a pegada deses sucesos na historia e na paisaxe.
Desde o pasado mes de abril foron 615 as persoas maiores de 60 anos de Oleiros que visitaron museos, centros de interpretación, castelos, fábricas, castros, vilas, minas, aldeas, igrexas, espazos naturais... Falaron coa xente dos lugares, investigaron documentación, camiñaron por rúas e camiños para coñecer a Revolución Irmandiña, a historia dos viquingos en Galicia, a industrialización do Mar, o período castrexo e romano en Galicia, a historia do Camiño Francés, a guerra civil, a II República, a historia das mulleres feministas no Oleiros do século XIX , a historia do agro galego e a minería da Gallaecia no Bierzo.
Das 615 persoas participantes un 65% foron mulleres e nun 35% homes. Case a metade das persoas participantes, o 49%, teñen unha idade entre os 71- 80 anos e o 12% son maiores de 80 anos. Ademais do importante número de persoas maiores que participan nesta actividade hai que sinalar o alto grado de satisfacción que manifestaron os participantes, tanto polas rutas e os seus contidos como polo equipo de profesionais, altamente cualificado, que as guía baixo a coordinación da animadora sociocultural do departamento de Servizos Sociais. Un importante equipo multidisciplinar de especialistas en temas culturais, educación social e educación medioambiental.
“Ven e Descubre” é un programa dirixido as persoas maiores de 60 anos veciñas do Concello de Oleiros que consiste na realización de rutas encamiñadas ao coñecemento do entorno. O obxectivo da actividade é estimular nos nosos maiores o desexo de afondar no coñecemento do que lles rodea, a través dun proceso educativo e social que favoreza o desenvolvemento persoal e social. O alto interese amosado en todas as visitas e explicacións proporcionadas polo equipo de guías, así como o ambiente de camaradería e compañeirismo que se respira, fai desta actividade un dos programas mellor valorados dentro de todo o conxunto de actividades que se desenvolven dende a concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros para fomentar un envellecemento activo.