Oleiros, 23 de decembro de 2019-. A compañía Talía Teatro presenta o xoves ás 18:00 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o seu espectáculo Lambetadas. María Ordóñez e Diego Rey forman o elenco desta obra que dirixe Santiago Cortegoso.
Neste espectáculo recomendado para nenos e nenas de 6 a 11 anos, dúas personaxes excéntricas entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai. Hai linguas e linguas. E non hai unha igual ca outra. Iso si: cada quen lambe coa súa. Porque se tes unha lingua tes que empregala. E vale para lamber calquera cousa. E para falar de calquera cousa. E en calquera situación. Porque todas as linguas valen para o mesmo. Para entenderse. Para comunicarse. Para dicir o que cada quen queira dicir.
A entrada é gratuíta ata completar a capacidade da sala. As invitacións poderán recollerse desde as 17:00 horas no despacho de billetes do auditorio.