Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Indignación xeralizada na comarca da Coruña pola persistencia dos problemas no transporte público

As deficiencias do transporte público na comarca da Coruña semellan non ter fin. Aos graves problemas que o Concello de Oleiros leva meses denunciando, sumouse nas últimas semanas a situación derivada pola folga, que tanto tempo tardou en resolver a patronal.

A cidadanía está nunha situación de total indefensión. O que antes era unha "lotería" —agardar por un bus que podía vir ou non vir, ou aparecer cheo— converteuse nos últimos días nunha ausencia total información sobre os servizos existentes.

A falta de transporte ten consecuencias directas nas economías familiares. As persoas que non teñen coche e poden, vense obrigados a pagar taxis (como unha veciña de Mera que, para acudir a unha cita médica no hospital Abente y Lago, tivo que desembolsar 46 euros pola falta de autobuses). En moitas outros casos, familiares e amigos vense obrigados a exercer de "taxistas". 

Colapso circulatorio absoluto

A carencia e as deficiencias do transporte público obriga ao uso do coche privado, saturando unhas estradas xa castigadas pola falta de investimentos da Xunta e do Estado. Infraestruturas vitais como a Vía Ártabra, a ampliación da Ponte da Pasaxe, Alfonso Molina ou o túnel de Santa Cristina seguen pendentes, convertendo traxectos cotiás e próximos en eternos e insufribles. 

Chamada á unidade

Ante o forte cansazo e a indignación cidadá, o Concello de Oleiros dirixirase a todos os alcaldes da comarca, entidades veciñais, sindicatos e empresarios —tamén prexudicados polas perdas económicas que xera este caos— para artellar unha resposta conxunta. "Neste tema non caben partidismos, os problemas de mobilidade sufrímolos todos independentemente de onde militemos ou como pensemos", comentou o alcalde Ángel García Seoane. 

A Xunta de Galicia incumpriu a súa promesa de convocar unha reunión en xaneiro para resolver as demandas presentadas polo Concello de Oleiros. "Todo foron boas palabras, pero vai pasar febreiro e aquí seguimos agardando". 

A Xunta de Galicia é a única administración responsable do transporte público nos concellos de menos de 50.000 habitantes. Non se pode tolerar durante máis tempo que se siga defendendo ás empresas concesionarias e se ningunee á cidadanía e aos traballadores.
 

back link