Neste novo museo, baixo a denominación Obxectomanía, reuniuse unha escolma de pezas da colección municipal, organizadas en catro seccións coas que se pretende exemplificar algúns dos tipos máis habituais de coleccionismo: o artístico, o relixioso, o etnográfico e antropolóxico e unha cámara das marabillas con todo tipo de obxectos. As obras expostas en cada sala serán renovadas de maneira continuada, para facer máis atractiva a mostra.
Dada a grande cantidade de obras de arte que ten o Concello e ante a inminente recepción dunha nova doazón por parte dun destacado artista o alcalde anunciou que por parte do Goberno municipal existe intención de crear un novo edificio nun futuro inmediato. Trataríase dun museo coa capacidade necesaria para amosar todas as obras de arte de propiedade municipal.