Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Inaugúrase unha exposición sobre a camelia en Esther Pita

O alcalde anima á Xunta ou Deputación a recuperar a finca Torre de Lama, en Mañón, unha gran xoia botánica de gran extensión e importancia

Unha exposición sobre a importancia da camelia na provincia da Coruña está a disposición da veciñanza na Praza de Esther Pita de Santa Cruz ata a próxima semana. Foi inaugurada hoxe polo alcalde, Ángel García Seoane, o presidente da Sociedade Galega da Camelia, Edmundo Novoa, e a secretaria da sociedade española, Elena Nogueira. Tamén participaron os concelleiros da área de cúltura, María Xosé Santos e Ramón Maceira.

Trátase de 5 tótems de 3 paneis cada un que ocupan o centro da praza e que conteñen cada un deles a descrición dun persoeiro relacionado coas artes, un percorrido pola ruta da camelia na provincia da Coruña, con especial atención ao paisaxismo deste arbusto, e por fin outro panel dedicado a curiosidades relacionadas coa delicada flor invernal.

“Móvenos o amor á natureza e gozar das cores e os significados desta flor de Galicia”, dixo Novoa, “hai moito simbolismo tras esta flor e incluso está desenvolvendo unha economía florecente, con exportación a centroeuropa, por non falar doutros produtos como a semente, a fabricación de xabóns, aceites e perfumes, nos que tamén somos unha gran potencia”.

Elena Nogueira fixo énfase na camelia como elemento de dinamización turístico e os desenvolvementos que relacionan esta flor co té de consumo, aspectos que están investigándose e tratando de conquistar novos mercados.
“A camelia é a flor de inverno, e como tal nós estamos plantándoos nos parques de Oleiros; mesmo diante do Concello hai dous camelios inmensos e preciosos”, dixo o alcalde “Oleiros é verde e por iso sempre tivo a camelia no seu pensamento e na súa paisaxe”.

Lembrou cando na súa condición de Deputado propuxo rescatar a finca de Torre de Lama, á beira do Sor, en Mañón, que constitúe a maior colección de camelias de Galicia “pero non me fixeron moito caso… pero nunca é tarde e ogallá que Deputación ou Xunta se animen a recuperar esa xoia botánica, un inmenso parque en dúas ladeiras que caen ao río Sor”.

back link