Oleiros, 31 de marzo de 2022-. Icía Río Fernández representou o Concello de Oleiros nunhas xornadas que se acaban de desenvolver en Bruxelas sobre o compromiso xuvenil e a incidencia política. Esta moza de Dexo de 17 anos participa xunto a persoas doutros 10 países que tamén participan no proxecto europeo People & Planet.
Nas xornadas reflexionouse arredor da educación para a cidadanía global que concluíron na necesidade de crear oportunidades para que a xente nova participe de xeito significativo na transformación cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva, sen perder a conexión entre o global e o local. Tamén se analizaron os roles do triángulo conformado pola xente nova, as e os políticos e máis as persoas facilitadoras deste proceso. Tamén houbo debate sobre as canles de comunicación e as sinerxías que se poden establecer entre os diferentes proxectos apoiados polo programa DEAR, que ten como obxectivo impulsar o papel da mocidade como cidadanía activa, “influencer” das políticas públicas e promotora do cambio social.
Icía Río forma parte do Consello Climático Xuvenil do Concello de Oleiros desde a súa formación. Ademais da súa preocupación e concienciación polos temas medioambientais, ten participado en numerosas actividades municipais e en entidades sociais, culturais e deportivas do municipio.
Tanto o Consello Climático Xuvenil como estas xornadas en Bruxelas forman parte do programa europeo People and Planet no que participa o Concello de Oleiros a través do Fondo Galego de Cooperación.