Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Graves acusacións falsas do concelleiro do PSOE contra funcionarios do Concello de Oleiros

Ante o malestar entre o funcionariado do Concello de Oleiros pola continuas declaracións falsas do concelleiro do PSOE que atentan repetidamente contra a profesionalidade e honorabilidade dos traballadores municipais, os servizos xurídicos do Concello analizarán a presentación dunha querela contra o concelleiro do grupo socialista. No día de onte, no seu afán de manipular a realidade e contaminar a opinión pública, acusou aos funcionarios municipais de “arbitrariedade” no proceso de selección para a dirección do multiusos de Bastiagueiro.

Este proceso, igual que todos os que fai o Concello, é público e axústase ás leis do Estado en materia funcionarial. Neste caso, o tribunal –que é un órgano independente- estaba formado por funcionarios que atesouran unha carreira intachable e exemplar de servizo público, polo que non se pode tolerar que sexan degradados con falsas acusacións. E moito menos cando veñen de quen ocupou un cargo no Concello da Coruña que si foi designado a dedo, polo que percibiu un elevado salario anual superior, por exemplo, ao do alcalde de Oleiros. 

As declaracións inxuriosas son habituais no modus operandi do PSOE de Oleiros que pretende proxectar un funcionamento ilegal e irregular por parte da administración municipal que non existe. Para elo non só se conforma con recorrer ao ataque persoal contra o alcalde e os concelleiros do Goberno de Alternativa dos Veciños, senón que tamén ataca directamente o traballo realizado polos distintos funcionarios.

O PSOE de Oleiros está a amosar unha falta total de coñecemento do territorio, unha ignorancia absoluta dos problemas reais de Oleiros e unha incapacidade manifesta de facer unha política seria en beneficio da cidadanía. En cambio, está a replicar as formas que practica VOX. Fraco favor lle fan á saúde da democracia, ao normal funcionamento das institucións e ao debate político este tipo de individuos que pululan en partidos supostamente serios.

back link