Oleiros, 6 de novembro de 2017-. Gas Natural Fenosa segue sen informar ao Concello de Oleiros sobre o corte da subministración eléctrica que vai realizar no municipio mañá martes día 7 de novembro, de 8:30 a 20:00 horas. Malia os requirimentos realizados por parte do Concello de Oleiros solicitando información, a compañía segue sen aclarar o número de veciños que se verán afectados.
Na única comunicación remitida ao Concello de Oleiros, Gas Natural Fenosa avisa que o corte afectará ao bombeo de Santa Cruz, pero non se aclara se tamén se interromperá a subministración aos particulares. Para que o bombeo non deixe de funcionar e evitar posibles verteduras, o Concello de Oleiros terá que empregar o xerador da estación e asumir o custo do gasóleo para as 12 horas durante as que non haberá electricidade.