Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Faladoiro sobre o Patronato de Protección a la Mujer o venres 6 de marzo na Fábrica

O acto central do Concello de Oleiros polo 8-M será o faladoiro Memoria, dignidade e xustiza: o franquista Patronato de Protección a la Mujer, unha actividade centrada na recuperación dunha memoria historicamente silenciada: a do Patronato, institución que funcionou legalmente entre 1941 e 1985 como engrenaxe de control social e represión contra nenas e mulleres. O encontro é de acceso libre e celebrarase o 6 de marzo, ás 19:30 horas, no auditorio da Fábrica. 

Participarán Consuelo García del Cid Guerra, escritora e investigadora supervivente do Patronato; María Dolores Gómez Benito, supervivente cun testemuño clave sobre violencia institucional e maternidades; Francisca Blanco Díaz, activista feminista e ecoloxista e supervivente do Patronato; Salomé da Torre, filla, neta e sobriña de mulleres supervivintes do Patronato e da represión franquista;  Belén López Cillero, investigadora e autora dun traballo centrado na xunta provincial coruñesa; e Mayte González Trillo, xornalista en Radio Coruña Cadena SER.

A actividade incluirá unha análise territorial xa que en Galicia e, de maneira particular, na provincia da Coruña, a presenza do Patronato foi relevante. Investigacións recentes sinalan que entre 1941 e 1965 se produciron 490 internamentos rexistrados na provincia, aínda que a perda e destrución de expedientes dificulta o coñecemento da súa dimensión real, moito máis preocupante.

O Concello de Oleiros busca con este faladoiro reafirmar o seu compromiso coa memoria histórica en clave feminista, coa defensa dos dereitos humanos e coa construción dunha sociedade baseada na xustiza e na igualdade.
 

back link