En Guatemala, arredor do 90% da poboación indíxena vive en situacións marcadas pola pobreza, en zonas rurais onde o illamento xeográfico condiciona fortemente o acceso a dereitos básicos e limita as oportunidades de desenvolvemento social e económico. Con todo, nestas comunidades hai tamén unha enorme forza: persoas que, malia as dificultades, manteñen vivas as súas culturas, apóianse mutuamente e traballan cada día por mellorar as condicións de vida das súas familias e do seu territorio. Neste contexto, o fortalecemento do liderado feminino resulta clave para garantir mellores condicións de vida para a infancia e as comunidades no seu conxunto.
A intervención principal correrá a cargo de Alma Cecilia Hernández, especialista en empoderamento de xénero e coordinadora do proxecto “Empoderamento social, económico e político de mulleres en situación de vulnerabilidade a través do fortalecemento de mecanismos de participación no municipio de Malacatancito, Huehuetenango” da organizacion guatemalteca Tierra Nueva, apoiada pola ONG Educo y financiado pola Subdirección de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, quen compartirá experiencias e aprendizaxes desde o contexto guatemalteco.
Este proxecto está orientado ao fortalecemento das capacidades de incidencia política das mulleres e á xeración de alternativas produtivas, promovendo a súa participación activa nos espazos comunitarios e institucionais.
A través da formación e do acompañamento no uso e control dos recursos familiares e comunitarios para a produción, o consumo e a comercialización de alimentos, e cun claro enfoque de xénero, búscase empoderar ás mulleres indíxenas para que sexan protagonistas do seu propio desenvolvemento, xerando un impacto positivo e sostible na vida da infancia.
A actividade conta co apoio do Concello de Oleiros, que colabora na organización deste espazo de reflexión e sensibilización arredor da cooperación internacional, os dereitos das mulleres e da infancia e a xustiza social global.
O encontro servirá tamén como espazo para visitar e coñecer a mostra Mulleres Maya Mam, nutrindo raíces, transformando vidas, que achega unha ollada próxima ás realidades cotiás, loitas e avances das mulleres indíxenas maia mam, poñendo en valor o seu papel como axentes de cambio nas súas comunidades.