Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Encontro nas Torres de Santa Cruz das familias inquedas de Oleiros

Despois de case 10 anos desde a posta en marcha do Programa Familias Inquedas desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade este vindeiro sábado 24 de maio, nas instalacións das Torres de Santa Cruz, vai ter lugar o seu primeiro encontro. Neste evento, previsto para todo o día, as familias veciñas de Oleiros con fillos e fillas menores de idade poderán gozar desta xuntanza na que compartir experiencias, desfrutar de actividades e tecer redes.

O día empezará ás 11:15 h coa recepción das familias participantes. As 12:00 h, baixo o título: “O verán que nos vén”, darán inicio os obradoiros que de forma paralela se desenvolverán ao longo de toda a mañá. 

Un obradoiro conxunto impartido por María Soto e Clara Rodríguez, docentes habituais das actividades do programa Familias Inquedas, no que coas persoas adultas das familias traballarán a través de dinámicas e  charlas o que implica esta parte do ano a nivel da convivencia familiar: son épocas nas que se relaxan as normas, desaparecen as rutinas do curso escolar, hai moito tempo libre, teñen novas experiencias... e todo iso hai que xestionalo no día a día, emocionalmente, para manter unha boa convivencia.

Paralelamente a rapazada desenvolverá un obradoiro artístico coa mesma temática, na que poderán expresar a través de distintas técnicas que é o que significa o verán para eles e elas, combinado tamén con dinámicas e actividades axeitadas.

Ao remate de ambos obradoiros haberá un momento de encontro arredor da mesa, como se fose unha romaría as familias compartirán a comida que traia cada un da súa casa nos taboleiros e cadeiras que estarán distribuídos polos xardíns das Torres de Santa Cruz. Será o momento de compartir e fortalecer lazos entra as familias participantes tras as actividades da mañá.

Pola tarde está programada inicialmente unha actividade de risoterapia para que a poidan desenvolver conxuntamente, as persoas adultas cos nenos e nenas, e pasar un momento divertido en común.

A xornada finalizará sobre as 18.00 h tras un espectáculo de maxia ofrecido polo meigo Simón, un talentoso e precoz mago de 13 anos que sorprenderá coa súa habilidade e enxeño.

As prazas para participar neste evento son limitadas e terán prioridade as familias que nalgún momento participaron nos obradoiros ou seminarios do programa Familias Inquedas.

As inscricións a través dun formulario na web municipal www.oleiros.org no apartado PARTICIPA/ACTIVIDADES SOCIAIS dende o venres 16/05/25 ás 14:30 h ata o martes 20/05/25 ás 23:00 h.

back link