Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Emiten desde Santa Cruz un programa para 300 emisoras municipais e comunitarias de España

 Oleiros, 14 de setembro de 2022-. Mañá xoves ás 9.00 da mañá, unhas 300 emisoras de radio emitirán desde o castelo de Santa Cruz un programa do proxecto Onda ODS no que participará o alumnado do Colexio Juana de Vega e o Instituto María Casares ademais do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. O evento está aberto á cidadanía, que pode acudir ao salón de actos do castelo.

 
Onda ODS ten como obxectivo difundir a filosofía de desenvolvemento sustentable posta en marcha pola ONU e que abranguen numerosos aspectos dos que Oleiros fai bandeira desde hai anos como o coidado do medio, un urbanismo ao servizo das maiorías ou a integración social. 
 
Ademais do alcalde participarán Carlos Vales, director do CEIDA, Ana Traseira, directora da UNED de Lugo e o alcalde de Paderne, César Longo, directivo do Grupo Reserva da Biosfera Mariña Coruñesa e Terras do Mandeo.
 
O proxecto Onda ODS está promovido por emisoras e redes de emisoras municipais de Galicia, Andalucía e Cataluña, ademais da Rede Estatal de Medios Comunitarios. A cita de mañá no castelo de Santa Cruz servirá tamén para promover a constitución dunha federación de asociacións de medios municipais e comunitarios, co fin de aproveitar sinerxías para apoiar a programación local e colaborar na produción de espazos que poidan realizar conxuntamente. 
 
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU é unha folla de ruta aprobada o 25 de setembro de 2015 e asinada polos 193 estados membros. Condensa o seu ideario en 17 obxectivos e 169 metas vinculadas ás esferas económica, social e ambiental coas que incidir positivamente na vida das persoas, na conservación do planeta e nos niveis globais de prosperidade da poboación mundial.
back link