Oleiros, 23 de maio de 2011-. O Goberno local ordenou esta mañá paralizar de forma inmediata a obra de construción dun almacén que Portos de Galicia está levando a cabo no peirao de Mera sen licenza municipal. A edificación deste galpón, supostamente destinada a albergar material dunha asociación náutica recreativa, foi denegada fai meses tanto polo Concello de Oleiros, como polo organismo dependente da Xunta de Galicia. Con todo, en pleno proceso electoral, Portos de Galicia comezou a edificar no peirao sen ningún tipo de comunicación previa e sen contar con autorización municipal. «O portavoz municipal do PP intercedeu ante Portos para que esta obra levase a cabo pensando que así conseguiría o voto duns cantos na localidade», informou esta mañá o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
O rexedor sinalou que a construción desta edificación supón un « atentado ambiental», xa que degrada a contorna dunha forma notoria. Ademais, García Seoane indicou que a forma de abordar a obra, e a propia edificación, supón unha irregularidade urbanística.