O outro tramo de paseo pendente na ría, entre Beiramar e O Paraíso, tamén será adxudicado antes de final de ano. Neste punto son 200 metros, cos que se posibilitará circunvalar toda a ría a pé ou en bicicleta de Oleiros ata A Coruña, pasando por Cambre e Culleredo.
Esta obra é o resultado dunha ardua xestión política do Goberno de Oleiros, iniciada tras a finalización das obras de dragado da ría. “Loitamos moito para que se acabase o paseo no Seixo e se conectase con Cambre e vai ser unha realidade inmediata. Non paramos en ningún momento, cortamos os accesos ao novo tramo, denunciamos publicamente a situación, fomos a Madrid... e ao final aceptaron o que nós pediamos”, comentou.
Con esta obra daráselle continuidade ás sendas e paseos costeiros creados e abertos polo Concello de Oleiros por todo o litoral existentes desde Lorbé ata Perillo. Proximamente tamén se verán incrementados co tramo do litoral de Dorneda entre Naval e Canide.