Oleiros, 27 de abril de 2017-. O espectáculo Menú da noite, escrito e dirixido por Carlos Blanco, chega esta fin de semana ao Auditorio Gabriel García Márquez de Mera por partida dobre, o venres ás 21:00 horas e o sábado ás 20:30 horas. Carlos Blanco e Luis Davila deixan, momentaneamente, a saia escocesa para poñer o smóking e sachar como é debido.
O debuxante de Bueu e o actor arousán combinan novamente enxeños e artes para atopar o cóctel perfecto. Desta volta viaxan a Broadway cos sachos, claro, e bailan claqué e todo. Animación incluída, realizan un traballo a dúo onde a comedia ten finalmente a cobertura visual que nunca tivo. Con música de Budiño e Kepa Junquera. Risas aseguradas e debuxadas.
O venres as entradas poñeranse á venda a partir das 20:00 horas e o sábado a partir das 19.30 horas, ata completar a capacidade da sala. O prezo é de 3,50 euros por persoa.