Oleiros, 12 de maio de 2020-. O Concello de Oleiros, xunto coas administracións locais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e de países lusófonos como Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe, únense na campaña #OsMunicipiosCooperan, que busca reforzar a solidariedade internacional no contexto da crise xerada polo Covid-19. Alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, deputadas e deputados provinciais, persoal técnico municipal e dirixentes de asociacións de concellos protagonizan os vídeos de lanzamento, que poderán compartirse desde os perfís do Fondo Galego en Facebook e Twitter a partir de hoxe e ata o 25 de maio, Día de África.
Hemeroteca
Desde Octubre 2010
Nas súas mensaxes, as e os gobernantes locais poñen en valor a cooperación para o desenvolvemento impulsada polos concellos e deputacións, que terán un papel chave na superación desta grave crise. “O mundo está fortemente interconectado”, “non podemos virar as costas ao que acontece no outro extremo do planeta”, “só unha resposta global pode vencer o coronavirus, que non entende de fronteiras” ou “a cooperación internacional é agora máis necesaria ca nunca” son algunhas das frases que nos deixan.
Cómpre ter en conta que en moitos países da África lusófona, onde o Fondo Galego concentra os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento, a pandemia actual engádese a epidemias anteriores e a unha situación de crise permanente, que os febles sistemas públicos de saúde e protección social non conseguen frear. En moitos lugares, o confinamento non é viable ou ben pon en risco a seguridade alimentaria de millóns de persoas que viven ao día. Ademais, tanto nos países empobrecidos ou en guerra como nos campos de refuxiados, faise complicado extremar as medidas de hixiene e autoprotección.