Oleiros, 28 de febreiro de 2018-. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, con motivo do Día de Rosalía o pasado 24 de febreiro, programou para homenaxear a figura da escritora unha presentación do libro de Xurxo Lobato Airiños Aires Rosalía. Esta obra é unha nova visión do mundo de Rosalía, unha homenaxe fotográfica que recolle os lugares onde habitou e paisaxes que inspiraron os seus poemas.
Airiños Aires Rosalía conta con textos de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e do autor Xurxo Lobato. A presentación será unha proxección audiovisual das imaxes do libro onde Xurxo explicará fotogra¿camente os contidos e mais o concepto da publicación, é o que o autor chama conferencia fotográ¿ca.
Esta nova visión do universo de Rosalía poderá verse o vindeiro xoves 1 de marzo, ás 20.30 h no teatro As Torres, en Santa Cruz, no edificio onde tamén se atopa o Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala.
Para achegar este traballo á cidadanía, o Concello de Oleiros adquiriu uns exemplares para as bibliotecas e os centros de ensino.