Oleiros, 26 de novembro de 2018-. O teatro das Torres de Santa Cruz acolle mañá martes 27 de novembro, ás 20:00 horas, a presentación do poemario “Versos noctámbulos” de Ricardo Seixo Fernández. Ademais da presentación, haberá recitado de poesías e música co grupo Maraxe.
Ricardo Seixo é un mestre e poeta que entende a escritura como un compromiso vital coa realidade na que vive e co país ao que pertence. O autor di que “cre na poesía a faciana descuberta, en que é quen de emocionar e facer pensar, en que vai xurdindo das engurras das persoas. Unha poesía, en resumo, que dá azos para se erguer cada día coa idea de continuar a facer camiño”.
É presidente da Asociación de Veciños da Agra do Orzán. Unha das numerosas actividades que levan a cabo nesta asociación é a da recuperación do cancioneiro tradicional. Analizando as palabras utilizadas neste folclore elaborou un estudo sobre o galego popular na comarca da Coruña que presentou nalgunha ponencia ou comunicación. Unha das súas paixóns é o canto tradicional, polo que foi integrante de diversas formacións musicais como por exemplo: Verbas Xeitosas, Tombalobos Orquestra, Os Parabéns, etc.
“Versos noctámbulos” é un poemario composto por 47 textos que abranguen diversas temáticas: poesía cívico-social, costumistas, intimistas, de reivindicación feminina como recoñecemento da fortaleza das mulleres e da súa relevancia na sociedade galega. Todos estes poemas están acompañados dunha evocación da paisaxe e da natureza.