Oleiros, 21 de xuño de 2018-. O Concello de Oleiros procederá ao desaloxo das praias a noite de San Xoán ás 5 da madrugada, para poder realizar as correspondente tarefas de limpeza e que os areais estean en perfectas condicións de uso o domingo. Previsiblemente, as praias permanecerán pechadas ata as 11:00 horas, cando se agarda que xa estea retirado todo o lixo.
Dada a elevada cantidade de residuos que se acumulan, os equipos precisan atopar os areais baleiros para poder traballar con maior axilidade. Ademais, por motivos de seguridade, tampouco é recomendable que haxa persoas preto da maquinaria mentres circule pola area.
O Concello de Oleiros pretende reducir os residuos e a contaminación o máximo posible, por iso se solicita a colaboración veciñal. Haberá contedores extras e leña gratuíta a disposición de todos os que queiran facer a súa larada na praia. A madeira poderá recollerse a partir das 20 horas. Antes desa hora non estará permitido introducir madeira na praia, para non molestar as persoas que se atopen gozando dos areais.
A maioría da leña irá destinada a Bastiagueiro. Os puntos de entrega estarán situados na entrada principal da praia e no acceso que se atopa xunto á casa municipal de préstamo. En Mera poderá recollerse na zona do porto e en Santa Cristina nas inmediacións da caseta dos socorristas.
Quedará prohibido o acceso ás praias con palés, sofás, colchóns ou calquera elemento que poida conter cravos. Está previsto un importante despregamento de Policía Local e Protección Civil nas entradas das praias para persuadir a aquelas persoas que teñan intención de queimar ese tipo de elementos. Tampouco estará permitido a introdución de botellas de cristal ou calquera elemento que conteña vidro.