Oleiros, 20 de marzo de 2020-. O Concello de Oleiros lembra ao conxunto da cidadanía que as persoas propietarias de cans e cadelas están obrigadas a pasealos con correa polas rúas e parques públicos. Igualmente é obrigatorio recoller as deposicións cunha bolsa.
Nestes días de confinamento, algúns cidadáns están a incumprir as normas estipuladas para os propietarios de cans. Ao non haber practicamente tráfico de coches nin persoas transitando polas rúas estanse a dar algunhas condutas incívicas que atentan contra a convivencia entre veciños e veciñas.
O Concello de Oleiros solicita a todos os cidadáns que sigan as instrucións e directrices determinadas tanto pola Xunta de Galicia como polo Goberno central. É importante actuar con civismo, calma e tranquilidade ante esta situación.